Asociación

Hai xa case dez anos as veciñas e veciños de Castelo, en Culleredo, démoslle a volta ás nosas festas. Despois de recibir en varias ocasións ás orquestras máis importantes, de organizar as mellores churrascadas, e de reunir ao pé do Xalo a varios miles de persoas en noites imposibles de esquecer, era o momento de cambiar.

De pensar se tiña sentido, e se era sostible, un modelo no que cando a música deixaba de soar, e cando pasaban os días, só quedaba o lixo no campo e alivio ao librar da chuvia. No que unha boa festa se medía polo número de copas que eramos quen de poñer nunha soa noite e a orquestra que prometiamos para o ano seguinte.

Despois de varios anos de transición, e dun traballo no que a única liña vermella era o respecto á opinión da maioría das veciñas e veciños, conseguimos darlle a volta á festa.

Naceu o Castelo Conta, a que hoxe é a iniciativa cultural máis relevante no rural de Galicia. E naceu esta asociación, que pensa na festa, pero tamén pensa na xente, no lugar que habitamos, no idioma que falamos, e en todas as cousas que podemos chegar a facer desde o rural.

Faite socia ou socio

Queremos que o rural siga contando: aquí e noutros lugares deste país. Que se fale de nós, que sexamos epicentro cultural de todo o mellor: a conservación do patrimonio e a memoria local, o coidado dos espazos naturais, e a posta en valor das tradicións desde unha perspectiva interxeracional.

Patrimonio e memoria local

Cada lugar deste país ten memoria, e cada xeración é responsable de que perdure. Nós facilitámolo a través de encontros nos que poñemos en valor a escoita, e o verbo contar, que nos define e nos conecta con outras tantas comunidades en Galicia.

Aproveitamos a tecnoloxía para facer infinitas as historias que lembran os maiores, compartíndoas a través de diferentes medios e soportes. Traballamos na recuperación dos nomes dos lugares e todo o que teñen detrás.

Dinamización do rural

Cada lugar é o centro da vida de quen o habita. Cando se trata do rural, toca reverter as tendencias que levaron nas últimas décadas toda a actividade social e cultural aos grandes centros urbáns. Aquí pasan cousas, e máis que van pasar se queremos.

Organizamos o festival Castelo Conta, e decenas de actividades durante todo o ano. Traballamos para expandir un modelo que permita achegar a cultura ao rural por toda Galicia.

Protección do monte

Vivimos ao pé do Monte Xalo, e presumimos de todo o que a Comunidade de Montes Veciñais de Castelo leva facendo anos para ser exemplo. De xestión responsable e sostible, a través da ordenación e diversificación de usos.

Prántanse árbores nos montes para vender madeira, pero tamén para protexer a riqueza das contornas naturais que nos rodean, para crear espazos que favorezan a práctica do deporte e o lecer. Case todo pasa xa no Xalo.

Castelo: unha aldea que fai que as cousas pasen

Non queda moito para que a Travesía do Xalo volva encher a parroquia e o monte de xente. Pero en Castelo as cousas non comezan nin rematan nun día: a vida comunitaria, a memoria e o coidado do territorio están presentes ao longo de todo o ano.

Ler máis
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.